27 marzo 2020

E vós, como pasades a corentena?

Ola a todas e a todos, que tal estades? Esperamos que esteades ben de saúde e con ánimo para levar esta corentena da mellor maneira posible.
Desde o colexio pensamos que poderíamos intercambiar experiencias e ideas sobre esta situación. Que vos parece a idea de compartir coas demais persoas da comunidade educativa as vosas vivencias?
Vós e as vosas fillas e fillos poderiades contarnos como vos amañades para pasar o día, como o organizades, que facedes para que o encerro sexa máis levadeiro, cales son as actividades en familia que vos resultan máis entretidas ou divertidas... Aquí tamén caben as vosas reflexións sobre esta situación que estamos a vivir, que pensades que debemos aprender dela...
Unha maneira de facelo sería escribíndonos, se son as rapazas e os rapaces mellor, así practicamos a escritura. Tamén en educación infantil. Elas e eles tamén poden escribir, pois poden levar a cabo a tarefa máis importante para escribir, que é ter as ideas do que queren dicir e ordenalas na súa cabeza, aínda que non saiban, polo momento, transcribilas en signos de escritura. Neste casos, vós actuaredes de escribáns. Se queredes, podedes acompañar o texto dalgunha imaxe.
Deste xeito tamén podedes contarnos e enviarnos historias, contos, relatos, poemas, cómics, receitas...

Gustaríanos tamén que mandásedes vídeos con lectura de contos, cancións, historias animadas, recitado de poemas, desenvolvemento de actividades (elaboración dunha receita, realización dunha actividade de plástica, explicación dun xogo...), pero deixámolo para mellor ocasión, para non contribuír á saturación da rede. Podedes facelos e gardalos para máis adiante.
Podedes enviar os vosos traballos á seguinte dirección:
ceipmestrerodriguezxixirei@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario