20 diciembre 2016

Recomendación para o Nadal

Velaí o boletín de recomendacións de lecturas para este Nadal 2016. Desexamos que sexan do voso agrado e que leades moito durante estas vacacións. Bo Nadal!

01 diciembre 2016

MOCHILAS VIAXEIRAS 2016-2017

Onte mércores o alumnado encargado da Biblioteca preparou as mochilas viaxeiras que se van levar ás casas durante este curso.

21 noviembre 2016

CLUB DE LECTURA DE 6º


Aquí tedes un vídeo de presentación do club de lectura de 6º "Colorín Colorado. Nel nos explican algúns aspectos importantes deste club e nos falan do libro que están a ler neste momento. Desexámoslles que o pesen moi ben coa lectura!

19 octubre 2016

Mensaxes de Zampacontos

Esta semana pasada os alumnos e alumnas do Colexio recolleron, por cursos, as mensaxes que lles deixou Zampacontos, nas que lles conta as actividades que imos levar a cabo ao longo deste curso. Ánimo e... a traballar!









13 septiembre 2016

Galería de personaxes

Neste espazo imos falar de persoas famosas que, a pesar de que tiveron diferentes dificultades na súa infancia chegaron a destacar na sociedade. Aínda que este espazo vai dirixido a persoas adultas, pensamos que serve de reflexión sobre como vemos aos rapaces e rapazas, moitas veces centrámonos nas súas dificultades e non soemos ver as potencialidades inmensas que teñen como seres humanos.

 Richard Ford
Richard Ford é un dos meus máis queridos escritores. En primeiro lugar, é un gran escritor; no seu país, os Estados Unidos, está considerado un dos escritores máis importantes en activo da súa literatura. Alí foi recoñecido con todos os premios literarios importantes. En España ven de ser recoñecido este ano co Premio Princesa de Asturias das Letras 2016. E, en segundo lugar, porque Richard Ford ten dislexia. Si, si, lestes ben, é un gran escritor con dislexia. Tiña grandes dificultades para ler e escribir e, ademais, dábanselle mal as matemáticas, co cal tiña que traballar moito máis que outros rapaces. Segundo el, “para facer algo ben teño que traballar moito máis duro que outra xente. Non podo facer moitas cousas ao mesmo tempo, podo concentrarme nunha soa”. E tamén: “Son lento. Nunca fixen unha soa cousa importante na miña vida na que ser rápido funcione”.
O estilo de Ford é sobrio e preciso, sen adornos, as súas descricións son moi detalladas, e desenvolve unha visión irónica da existencia e unha ollada sombría e densa da vida cotiá.
Eu comecei lendo os seus contos, por exemplo, os dez relatos do libro “Rock Springs”, pois Ford é un gran contador de contos. As súas historias son tristes, realistas, con personaxes que nos poden parecer lonxanos, pero viven vidas comúns, aínda que teñen mala sorte ou cometen erros importantes que cambian a súa vida, son perdedores... Nestes contos, non so é importante o que nos conta, senón tamén (quizais mais) o que non se di neles.
Tamén escribiu novelas. A min gustoume moito O día da Independencia que, xunto con “O periodista deportivo” ou “Acción de Gracias”, nos narra as peripecias de Frank Bascombe, unha persoa normal e corrente que se ve enfrontado coa súa vida, como calquera de nós. Segundo Ford, “unha voz que miles de lectores coñecen [...] un personaxe ao que os lectores van escoitar”.
Finalmente, recomendaría a súa última novela, “Canadá”, unha novela de aprendizaxe na que un adolescente, Dell Parsons vese obrigado a aprender a vivir sen que ninguén lle ensine, despois de ver como se desmoronaba a súa familia. Aquí florecen todos os temas tratados ao longo da súa vida: a relación entre pais e fillos, o peso das decisións que tomamos na vida e o amor, sempre ao borde do colapso.
Se tedes interese, ademais, en coñecer a súa biografía e a súa traxectoria literaria, premede neste enlace

Antón

09 septiembre 2016

Benvida ao novo curso 2016-2017



Benvidos e benvidas ao novo curso 2016-2017! Como pasastes estas vacacións de verán? Deste o blogue da Biblioteca esperamos que tivérades un bo verán ben e que agora comecedes o curso con moita enerxía e gañas de aprender!
Pois neste curso no Colexio imos seguir traballando co proxecto de Biblioteca, de xeito similar a como o fixemos no curso pasado. Como moitos e moitas de vós lembrades, a Biblioteca do colexio propón e acorda unha serie de actividades con todo o colexio (cos demais membros da comunidade educativa) e despois comezamos todos e todas a traballar. 
Ademais, en 2017 celébrase o centenario do nacementos da escritora Gloria Fuertes, unha figura moi importante para a literatura infantil, especialmente na poesía.
Por outra parte, o Día das Letras Galegas deste ano adícase ao extraordinario escritor Carlos Casares, un dos grandes renovadores da literatura galega, tamén na literatura infantil, como veremos neste curso.

27 junio 2016

POMPAS DE XABÓN







Neste curso finalizamos as actividades sobre a aviación cunha xornada de pompas de xabón, lembrando ás primeiras ascensións en globo, cando os aparatos voadores eran máis lixeiros que o aire. Isto é todo... polo momento! Praparádevos para o curso que ven!!

31 mayo 2016

LOS MINPINS







Os alumnos e as alumnas de 3º e 4º, leron como derradeira lectura do Club de Lectura deste curso “Los Mimpins”. Foi un xeito de lembrar que este ano celébrase o centenario do nacemento do seu autor, Roal Dahl. Para pechar o ciclo deste curso, recibimos a visita dun contacontos que veu en representación da editorial Santillana para traballar sobre o libro. Foi un éxito, xa que foi totalmente participativo, sendo os propios alumnos e alumnas os protagonistas de diferentes acontecementos do libro, que tiñan que escenificar e dramatizar. Neste ENLACE podedes ver información sobre o libro que nos ofrece a Editoral Santillana.

30 mayo 2016

EXPOSICIÓNS SOBRE AVIACIÓN










Durante estas últimas semanas alumnos e alumnas de 5º e 6º están a expoñer na biblioteca do Centro os seus traballos sobre aviación. Os traballos son os seguintes: "A lenda de Ícaro", por Marta. "Historia das cometas" por Andrea, Antía e Ana "Leonardo da Vinci", por Lorena e Nicolás "O globo aerostático", por Uxía V. "Amelia Hearthart", por Raquel e Iraima "Os irmáns Wright", por Pablo "Charles Lindbergh", por Elena e Uxía A.

FOGUETE A REACCIÓN

https://youtu.be/1daj18kdG9w


Nestes días pasados fixemos un experimento moi divertido e fácil de facer, que consiste en lanzar unha botella con auga polo aire, é dicir, un foguete de auga. Para iso  empregamos unha bomba de inflar, unha agulla de inflar balóns, unha cortiza de botella  e unha botella de plástico lixeira.
O noso foguete de auga é impulsado pola presión da auga. Ademais de ilustrar unha lei da física que xa explicaremos, é moi divertido.
Ao encher de aire a nosa botella, na que xa hai unha certa cantidade de auga, os gases do aire empezan a facer presión sobre a auga, e esta acaba saíndo polo único sitio posible, empuxando con forza o tapón e saíndo a presión. Esta presión da auga fai que a botella saia disparada en sentido contrario.
Trátase da Terceira Lei de Newton, ou Lei de Acción e Reacción que di que a toda acción oponse unha reacción igual e de sentido contrario. Por exemplo, se lanzas unha pelota cunha certa forza contra a parede, a reacción da pelota será rebotar inmediatamente cara ti.
No noso caso, o foguete propúlsase gracias á combinación de aire e auga, a auga sae expulsada cara atrás da botella, e a botella sae disparada en sentido contrario.