31 marzo 2020

Galicia Le

A Xunta facilita as condicións de acceso á plataforma GaliciaLe que ofrece máis de 4.500 títulos de libros, revistas o películas. Deste este enlace ou premendo na imaxe de abaixo podes acceder directamente á plataforma.

27 marzo 2020

Fundación Neira Vilas

Ola a todas e a todos! A partir de hoxe nesta páxina imos ir visitando algúns dos lugares máis interesantes relacionados coa lingua e a literatura, tanto galega como castelá. Esta visita é, claro, virtual, porque temos que permanecer nas nosas casas. Esperamos que vos gusten as nosas propostas e que máis adiante, cando volvamos á normalidade, teñades ganas de visitar personalmente.
Hoxe visitaremos a Fundación Neira Vilas, que está en Gres, na provincia de Pontevedra, a carón do río Ulla. Nesa casa naceu o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras de Memorias dun neno labrego, que vos aconsellamos que leades porque vaivos gustar moito. 
Nela existe un museo etnográfico moi interesante.
Moi preto da fundación tamén podemos visitar as chamadas insuas de Gres, unha paraxe natural formada por seis insuas naturais localizadas no río Ulla, que podedes ver neste enlace.
Nos seguintes enlaces podedes acceder á páxina do portal da Xunta de Galicia sobre a Fundación, e neste outro enlace entrades na páxina da Fundación, onde, entre outras cousas, fala da vida e obra de Neira Vilas.
Esperamos que vos guste!

E vós, como pasades a corentena?

Ola a todas e a todos, que tal estades? Esperamos que esteades ben de saúde e con ánimo para levar esta corentena da mellor maneira posible.
Desde o colexio pensamos que poderíamos intercambiar experiencias e ideas sobre esta situación. Que vos parece a idea de compartir coas demais persoas da comunidade educativa as vosas vivencias?
Vós e as vosas fillas e fillos poderiades contarnos como vos amañades para pasar o día, como o organizades, que facedes para que o encerro sexa máis levadeiro, cales son as actividades en familia que vos resultan máis entretidas ou divertidas... Aquí tamén caben as vosas reflexións sobre esta situación que estamos a vivir, que pensades que debemos aprender dela...
Unha maneira de facelo sería escribíndonos, se son as rapazas e os rapaces mellor, así practicamos a escritura. Tamén en educación infantil. Elas e eles tamén poden escribir, pois poden levar a cabo a tarefa máis importante para escribir, que é ter as ideas do que queren dicir e ordenalas na súa cabeza, aínda que non saiban, polo momento, transcribilas en signos de escritura. Neste casos, vós actuaredes de escribáns. Se queredes, podedes acompañar o texto dalgunha imaxe.
Deste xeito tamén podedes contarnos e enviarnos historias, contos, relatos, poemas, cómics, receitas...

Gustaríanos tamén que mandásedes vídeos con lectura de contos, cancións, historias animadas, recitado de poemas, desenvolvemento de actividades (elaboración dunha receita, realización dunha actividade de plástica, explicación dun xogo...), pero deixámolo para mellor ocasión, para non contribuír á saturación da rede. Podedes facelos e gardalos para máis adiante.
Podedes enviar os vosos traballos á seguinte dirección:
ceipmestrerodriguezxixirei@gmail.com