24 septiembre 2019

Benvidas e benvidos ao novo curso 2019-2020!!

Vimos de comezar un novo curso e xa estamos a traballar e a argallar unha chea de actividades para levar a cabo ao longo del. Primeiro lembrarvos que o colexio segue a desenvolver o PLAMBE de mellora de  bibliotecas escolares, que implica que todo o centro traballa arredor dun proxecto proposto e elaborado pola nosa biblioteca. Neste curso o proxecto leva por título "Deportistas para un mundo mellor". Con este proxecto imos traballar sobre os deportes e os xogos olímpicos e paralímpicos,  levando a cabo moitas e diferentes actividades e propostas. Imos coñecer diferentes deportes, clubes deportivos e organizacións que desenvolven a súa labor preto de nós, traballaremos sobre os valores que fomenta a actividade deportiva (compañeirismo, esforzo, superación...), tamén participaremos en actividades deportivas e eventos deportivos solidarios, coñeceremos a historia das Olimpíadas e de moitos deportes... Imos aprender moito!!  
Do mesmo xeito, seguiremos levando a cabo actividades e traballos tamén moi importantes como a mochila viaxeira, participaremos nas campañas de animación á lectura que nos propoña o noso concello e outros organismos, lavaremos a cabo a xornada de madriñas e padriños lectores, faremos recomendacións lectoras para todas as alumnas e todos os alumnos...
Como vedes, este curso ven cheo de propostas moi interesante! Imos aló!
Aquí podedes ver o boletín que se vos fará chegar sobre o funcionamento da biblioteca.


Outra actividade que tamén xa vos podemos dicir é que o vindeiro 25 de outubro, venres, participaremos correndo na V Vuelta al Cole contra a leucemia infantil, como fixemos no curso pasado. Este acontecemento está organizado pola Fundación Unoentrecienmil, unha ONG española comprometida a dedicar todos os beneficios das súas actividades a un proxecto de investigación contra a Leucemia Infantil, unha enfermidade que supón o 30% do cancro infantil, con máis de 300 casos diagnosticados ao ano en España.

Animámosvos a todas e a todos a participar neste evento solidario, cantas máis persoas sexamos máis axudaremos nesta importante investigación.
Se queredes ter máis información sobre a organización e o evento, podedes premer nos diferentes enlaces deste texto. Nós, por outra parte, irémosvos informando da organización e posta en marcha desta actividade no noso colexio.