13 septiembre 2016

Galería de personaxes

Neste espazo imos falar de persoas famosas que, a pesar de que tiveron diferentes dificultades na súa infancia chegaron a destacar na sociedade. Aínda que este espazo vai dirixido a persoas adultas, pensamos que serve de reflexión sobre como vemos aos rapaces e rapazas, moitas veces centrámonos nas súas dificultades e non soemos ver as potencialidades inmensas que teñen como seres humanos.

 Richard Ford
Richard Ford é un dos meus máis queridos escritores. En primeiro lugar, é un gran escritor; no seu país, os Estados Unidos, está considerado un dos escritores máis importantes en activo da súa literatura. Alí foi recoñecido con todos os premios literarios importantes. En España ven de ser recoñecido este ano co Premio Princesa de Asturias das Letras 2016. E, en segundo lugar, porque Richard Ford ten dislexia. Si, si, lestes ben, é un gran escritor con dislexia. Tiña grandes dificultades para ler e escribir e, ademais, dábanselle mal as matemáticas, co cal tiña que traballar moito máis que outros rapaces. Segundo el, “para facer algo ben teño que traballar moito máis duro que outra xente. Non podo facer moitas cousas ao mesmo tempo, podo concentrarme nunha soa”. E tamén: “Son lento. Nunca fixen unha soa cousa importante na miña vida na que ser rápido funcione”.
O estilo de Ford é sobrio e preciso, sen adornos, as súas descricións son moi detalladas, e desenvolve unha visión irónica da existencia e unha ollada sombría e densa da vida cotiá.
Eu comecei lendo os seus contos, por exemplo, os dez relatos do libro “Rock Springs”, pois Ford é un gran contador de contos. As súas historias son tristes, realistas, con personaxes que nos poden parecer lonxanos, pero viven vidas comúns, aínda que teñen mala sorte ou cometen erros importantes que cambian a súa vida, son perdedores... Nestes contos, non so é importante o que nos conta, senón tamén (quizais mais) o que non se di neles.
Tamén escribiu novelas. A min gustoume moito O día da Independencia que, xunto con “O periodista deportivo” ou “Acción de Gracias”, nos narra as peripecias de Frank Bascombe, unha persoa normal e corrente que se ve enfrontado coa súa vida, como calquera de nós. Segundo Ford, “unha voz que miles de lectores coñecen [...] un personaxe ao que os lectores van escoitar”.
Finalmente, recomendaría a súa última novela, “Canadá”, unha novela de aprendizaxe na que un adolescente, Dell Parsons vese obrigado a aprender a vivir sen que ninguén lle ensine, despois de ver como se desmoronaba a súa familia. Aquí florecen todos os temas tratados ao longo da súa vida: a relación entre pais e fillos, o peso das decisións que tomamos na vida e o amor, sempre ao borde do colapso.
Se tedes interese, ademais, en coñecer a súa biografía e a súa traxectoria literaria, premede neste enlace

Antón

09 septiembre 2016

Benvida ao novo curso 2016-2017



Benvidos e benvidas ao novo curso 2016-2017! Como pasastes estas vacacións de verán? Deste o blogue da Biblioteca esperamos que tivérades un bo verán ben e que agora comecedes o curso con moita enerxía e gañas de aprender!
Pois neste curso no Colexio imos seguir traballando co proxecto de Biblioteca, de xeito similar a como o fixemos no curso pasado. Como moitos e moitas de vós lembrades, a Biblioteca do colexio propón e acorda unha serie de actividades con todo o colexio (cos demais membros da comunidade educativa) e despois comezamos todos e todas a traballar. 
Ademais, en 2017 celébrase o centenario do nacementos da escritora Gloria Fuertes, unha figura moi importante para a literatura infantil, especialmente na poesía.
Por outra parte, o Día das Letras Galegas deste ano adícase ao extraordinario escritor Carlos Casares, un dos grandes renovadores da literatura galega, tamén na literatura infantil, como veremos neste curso.