20 abril 2016

Visita de Jacobo Fernández Serrano

VISITA DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO
  Este pasado luns recibimos no noso colexio a visita de Jacobo Fernández Serrano, pintor, ilustrador, autor de banda deseñada e escritor. Ao longo desta mañán falounos dos seus libros, amosándonos como é o longo proceso creativo desde a idea inicial ata que finalmente é editado o seu traballo, tanto no referido ao seu traballo gráfico como ao literario. A actividade dividiuse en dúas sesións, unha primeira co alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria, e outra cos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º. As charlas centráronse sobre todo nos libros lidos nos diferentes niveis: cómics de “Marcopola”, libros de “A raposa e a mestra” (escrito por Manuel O'Rivas e ilustrado por Jacobo), “Mil cousas poden pasar” I e II, (escritos e ilustrados por el mesmo) e “A filla do ladrón de bicicletas” (escrito por Teresa González Costa), todos eles publicados pola editorial Xerais.
  Ademais de falarnos sobre o proceso de creación, das diferentes técnicas de traballo e dos aspectos técnicos do seu traballo, debuxounos algúns dos personaxes das súas obras, respondeu ás moitas preguntas que se lle fixeron, asinou o libro de cada alumno e alumna e, finalmente, someteuse a unha entrevista levada a cabo por un equipo de reporteiros e reporteiras de 6º, que poderedes ver dentro duns días no blogue da nosa biblioteca, Zampacontos.
  Foi unha visita moi enriquecedora, coa que aprendimos moitas cousas (tanto o alumnado como o profesorado que puido asistir), sobre todo como se desenvolve o traballo dun creador.
  Jacobo Fernández Serrano é pintor, ilustrador, autor de banda deseñada e obras narrativas. Tamén recibiu moitos premios, tanto polo seu traballo gráfico como literario. Así, recibiu o premio Merlín polo volume primeiro de “Mil cousas poden pasar”, premio que tamén acadou “A filla do ladrón de bicicletas”. Algunhas das súas obras foron traducidas a outros idiomas.
  Se queredes coñecer máis sobre a súa obra podedes visitar o seu blogue, ao que podedes acceder neste enlace.

No hay comentarios:

Publicar un comentario