26 abril 2019

Sesión de contacontos

Este pasado martes as alumnas e os alumnos de Educación Infantil nunha primeira quenda, e o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria despois, asistiron ao Centro Abanca Obra Social da Praza de Cervantes en Santiago a unha sesión de contacontos, na marco da XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e pola Editorial Kalandraka
Ademais, puideron ver a exposición de ilustracións sobre diferentes contos editados por Kalandraka.
Alí Sara e Alex contáronlles os contos Cándido e os demais, A viaxe de Olaf, Mamá, Despois da chuvia, Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés, e Quen é ese becho?
Pasarono moi ben!!







12 abril 2019

Elas. Rompendo moldes no deporte.


Este luns estivo con nós Ana, nai dun alumno de Educación Infantil. Ana é unha atleta que foi campioa de Galicia en 400 e 800 metros e, ademais, ostenta o récord galego de 400 metros valos na actualidade, que conseguiu no Campionato de España de 1999, en Sevilla.
Ana estivo a falar da súa experiencia coas alumnas e os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, na Biblioteca do colexio. Faloulles das súas vivencias deportivas, da importancia que ten o esforzo e a constancia para acadar os propios obxectivos, da experiencia como muller deportista nunha sociedade que consideraba a práctica de certos deportes como “cousa de homes”, ou das aprendizaxes vitais que lle aportou o deporte, entre outras, contando moitas anécdotas e vivencias. Tamén vimos algúns vídeos sobre atletismo, un deporte que non é tan coñecido como outros, pero no que a superación persoal é fundamental.
Esta actividade engróbase no proxecto de Biblioteca que estamos a desenvolver durante este curso, baixo o título “Elas. Rompendo moldes”.


26 marzo 2019

Seguimos traballando en "Elas, rompendo moldes"

Velaquí tedes máis mulleres que destacaron nos seus respectivos eidos de actividade. A todas estas mulleres, xunto coas que vos presentáramos hai uns días, se lles adicou no seu momento unha rúa do noso concello, e están presentes, pois, no noso rueiro. 







25 marzo 2019

Día da Poesía


O xoves pasado no colexio celebramos o Día da Poesía dándolle a benvida a primavera con poemas. Varias aulas leron, recitaron e cantaron poemas sobre a primavera. Ademais, celebramos o Día Internacional dos Bosques falando da importancia das árbores na vida sobre o noso planeta. E, xa estamos a vivir a nova primavera, benvida primavera!!



11 marzo 2019

Investigamos sobre mulleres

Durante este curso, como sabedes, no noso colexio estamos a traballar nun proxecto que baixo o título "ELAS: rompendo moldes", co que pretendemos dar a coñecer e descubrir o papel fundamental que tiveron as mulleres ao longo da historia en todos os eidos do coñecemento. Tentamos con estas actividades facer visible o traballo das mulleres ao longo da historia, na maioría dos casos descoñecido e en non poucas ocasións ocultados. Neste mes, ademais, comemórase o 8 de marzo o Día Internacional da Muller, unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, 
Nestas imaxes presentámosvos unhas imaxes dun traballo que están a desenvolver as alumnas e os alumnos de Educación Primaria sobre diferentes mulleres que sobresaíron en diversos ámbitos do coñecemento.











Día Internacional da Muller 2019

O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade. En moitos lugares do mundo, tamén no noso país, é unha xornada dedicada a facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade e reivindicar a mellora da condición da muller en todos os eidos da sociedade e acadar a igualdade. 
Co galo desta celebración, no noso colexio, días previos á conmemoración levamos a cabo diferentes actividades. Nas seguintes imaxes amosámosvos unha actividade de préstamo de libros relacionados coa importancia do traballo das mulleres na sociedade humana.