Desde o colexio pensamos que poderíamos intercambiar
experiencias e ideas sobre esta situación. Que vos parece a idea de compartir
coas demais persoas da comunidade educativa as vosas vivencias?
Vós e as vosas fillas e fillos poderiades contarnos como vos
amañades para pasar o día, como o organizades, que facedes para que o encerro
sexa máis levadeiro, cales son as actividades en familia que vos resultan máis
entretidas ou divertidas... Aquí tamén caben as vosas reflexións sobre esta
situación que estamos a vivir, que pensades que debemos aprender dela...
Unha maneira de facelo sería escribíndonos, se son as rapazas
e os rapaces mellor, así practicamos a escritura. Tamén en educación infantil.
Elas e eles tamén poden escribir, pois poden levar a cabo a tarefa máis
importante para escribir, que é ter as ideas do que queren dicir e ordenalas na
súa cabeza, aínda que non saiban, polo momento, transcribilas en signos de
escritura. Neste casos, vós actuaredes de escribáns. Se queredes, podedes
acompañar o texto dalgunha imaxe.
Deste xeito tamén podedes contarnos e enviarnos historias,
contos, relatos, poemas, cómics, receitas...
Gustaríanos tamén que mandásedes vídeos con lectura de
contos, cancións, historias animadas, recitado de poemas, desenvolvemento de
actividades (elaboración dunha receita, realización dunha actividade de plástica,
explicación dun xogo...), pero deixámolo para mellor ocasión, para non
contribuír á saturación da rede. Podedes facelos e gardalos para máis adiante.
Podedes enviar os vosos traballos á seguinte dirección:
ceipmestrerodriguezxixirei@gmail.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario