VISITA
DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO
Este
pasado luns recibimos no noso colexio a visita de Jacobo Fernández
Serrano, pintor, ilustrador, autor de banda deseñada e escritor. Ao
longo desta mañán falounos dos seus libros, amosándonos como é o
longo proceso creativo desde a idea inicial ata que finalmente é
editado o seu traballo, tanto no referido ao seu traballo gráfico
como ao literario. A actividade dividiuse en dúas sesións, unha
primeira co alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria, e
outra cos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º. As charlas centráronse
sobre todo nos libros lidos nos diferentes niveis: cómics de
“Marcopola”, libros de “A raposa e a mestra” (escrito por
Manuel O'Rivas e ilustrado por Jacobo), “Mil cousas poden pasar”
I e II, (escritos e ilustrados por el mesmo) e “A filla do ladrón
de bicicletas” (escrito por Teresa González Costa), todos eles
publicados pola editorial Xerais.
Ademais
de falarnos sobre o proceso de creación, das diferentes técnicas de
traballo e dos aspectos técnicos do seu traballo, debuxounos algúns
dos personaxes das súas obras, respondeu ás moitas preguntas que se
lle fixeron, asinou o libro de cada alumno e alumna e, finalmente,
someteuse a unha entrevista levada a cabo por un equipo de
reporteiros e reporteiras de 6º, que poderedes ver dentro duns días
no blogue da nosa biblioteca, Zampacontos.
Foi
unha visita moi enriquecedora, coa que aprendimos moitas cousas
(tanto o alumnado como o profesorado que puido asistir), sobre todo
como se desenvolve o traballo dun creador.
Jacobo
Fernández Serrano é pintor, ilustrador, autor de banda deseñada e
obras narrativas. Tamén recibiu moitos premios, tanto polo seu
traballo gráfico como literario. Así, recibiu o premio Merlín polo
volume primeiro de “Mil cousas poden pasar”, premio que tamén
acadou “A filla do ladrón de bicicletas”. Algunhas das súas
obras foron traducidas a outros idiomas.
Se
queredes coñecer máis sobre a súa obra podedes visitar o seu
blogue, ao que podedes acceder neste enlace.
No hay comentarios:
Publicar un comentario